CRTVG

Buscar

Bruxelas advirte de que usará todos os seus "poderes" ante o reto polaco

Publicado o 08/10/2021 13:48
Bruxelas advirte de que usará todos os seus "poderes" ante o reto polaco
EFE

A presidenta da Comisión Europea (CE), Ursula von der Leyen, subliñou este venres que usarán todos os "poderes" dispoñibles para defender que o dereito europeo prima sobre a lexislación nacional, despois de que o Tribunal Constitucional polaco emitira onte unha sentenza que contradí este principio fundacional da Unión Europea.

"Estou profundamente preocupada pola sentenza de onte do Tribunal Constitucional polaco. Dei instrucións aos servizos da Comisión para que a analicen a fondo e con rapidez. Sobre esta base decidiremos os próximos pasos", dixo Von der Leyen nunha declaración distribuída á prensa.

Insistiu en que os tratados europeos son "moi claros" en canto a que as sentenzas do Tribunal de Xustiza da UE son vinculantes para as autoridades de todos os Estados membros, incluídos os tribunais nacionais, e en que "o dereito da UE ten primacía sobre o dereito nacional, incluídas as disposicións constitucionais".

"Isto é o que todos os estados membros da UE asinaron como membros da Unión Europea. Utilizaremos todos os poderes que temos en virtude dos Tratados para garantilo", afirmou.

O Tribunal Constitucional (TC) polaco sentenciou o xoves que algúns artigos do tratado de adhesión á UE son "incompatibles coa Constitución" do país, un ditame emitido tras a petición do propio Goberno polaco de que se pronunciase sobre a cuestión e que avala a oposición de Varsovia a aplicar leis comunitarias.

A sentenza agrava aínda máis o choque entre Bruxelas e Varsovia a conta dos problemas do socio do Leste co Estado de Dereito e, en particular, a independencia xudicial, que lle valeron xa a apertura de varios expedientes comunitarios.

O portavoz da Comisión, Eric Mamer, insistiu en que os servizos xurídicos do Executivo comunitario tomarán "todo o tempo necesario" para "comprender moi ben as ramificacións xurídicas" do fallo, e recomendou non entrar en "especulacións" nin "en posibles escenarios políticos".

O tempo dependerá da "complexidade", respondeu Mamer, preguntado reiteradamente sobre os prazos da resposta de Bruxelas.

Von der Leyen incidiu na súa declaración en que tanto os cidadáns europeos como as empresas que fan negocios en Polonia "necesitan a seguridade xurídica de que as normas da UE, incluídas as sentenzas do Tribunal de Xustiza das Comunidades Europeas, se aplican plenamente en Polonia".

A "máxima prioridade" de Bruxelas, dixo, é garantir a protección dos dereitos dos polacos e que gocen dos beneficios de pertencer á UE.

"Defenderemos os principios fundadores do ordenamento xurídico da nosa Unión. Os nosos 450 millóns de europeos confían niso", afirmou.

Noticias web

08/10/2021