CRTVG

Buscar

Brutal malleira a un home na rúa para roubarlle un patinete eléctrico, en L'Hospitalet de Llobregat

Publicado o 06/08/2019 13:15

As imaxes dunha brutal malleira en plena rúa, en L'Hospitalet de Llobregat, Barcelona, fixéronse virais como denuncia da inseguridade que se vive na zona. Os dous agresores golpean a vítima cun patinete eléctrico. Os que están preto da escena apenas reaccionan.

O home da camisa branca pasa impertérrito, nin cambia de ritmo. Nin axuda nin pide axuda. Só mira para atrás un momento, como para comprobar que non foi un soño a brutal malleira que nin apartarse lle fixo.

Malleira que continúa e continúa. Puñadas, patadas e mesmo golpes na cabeza co patinete eléctrico que, supostamente, os agresores pretendían roubarlle á vítima. Golpes que conseguen, por fin, que os que gravan a escena se decidan a deixar de gravar e intervir.

Volvendo ver as imaxes descubrimos tamén ao fondo, ao lado mesmo da malleira, outro home sentado que nin se levanta. Tampouco axuda nin pide axuda. Ocorreu na fronteira entre Barcelona e L'Hospitalet de Llobregat. Os Mossos están a investigar o sucedido. O agredido non denunciou. Transladárono ao hospital menos grave do que podía parecer.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

06/08/2019