CRTVG

Buscar

A Revista

Brión, Celanova e Boborás, algúns escenarios galegos en que Isabel Coixet rodou 'Elisa e Marcela'

Publicado o 27/09/2018 13:07

No Festival de Cine de San Sebastián puideron ver xa un anticipo do filme 'Elisa e Marcela', que Isabel Coixet rodou en Galicia. Hoxe propoñémoslles percorrer algúns dos escenarios polos que transcorre a historia. Brión, Celanova e Boborás son algúns dos concellos polos que pasou o cosmopolita equipo da directora.

Rodada por Isabel Coixet con valentía e grande sensibilidade, 'Elisa e Marcela' narra a historia do primeiro casamento de dúas mulleres realizado nunha igrexa. Foi no ano 1901 e unha delas tivo que facerse pasar por un home. Un feito real que impresionou a realizadora catalá. O suceso foi todo un escándalo na época. De violentas e meigas foron cualificadas as amantes. Dúas mulleres transgresoras que vivían nun ambiente hostil.

Na longametraxe Celanova pasa por ser A Coruña do século XIX. As estancias da casa de Dumbría onde viviron as dúas mestras e a escola na que traballaron, en realidade recreáronse en localizacións de Brión e Pazos de Arenterio. Precisamente, nesta vila organizan visitas turísticas que inclúen algúns dos lugares que serviron como escenarios da película.

Esta aldea de Boborás, xunto coa parroquia de Moldes, foi escenario do casamento e os festexos na longametraxe.

É a quinta ocasión en que Isabel Coixet elixiu Galicia para rodar. A luz, a chuvia, a pedra e as sombras do noso rural ofrécenlle á directora a maxia que precisa para darlle personalidade propia a cada unha das secuencias.

Portugal deulles refuxio cando se viron perseguidas pola xustiza, de aí que Coixet pensase na música de Salvador Sobral para o seu filme.

Na versión da autora, a película será toda en branco e negro, aquí, na Televisión de Galicia, poderemos ver 'Elisa e Marcela' en cor, iso si, teremos que agardar ata mediados do ano próximo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

A Revista

27/09/2018