CRTVG

Buscar

Brillantes números do Lugo, que en doce xornadas suma 19 puntos, o terceiro mellor dato desde que subiu á categoría

Publicado o 16/11/2020 14:50

Había seis anos que non andaba o Lugo tan en racha nun comezo de Liga. Hai que ir a 2014 para ver a Quique Setién no banco e ao Lugo chegando á xornada 12 no segundo posto da clasificación. Aí chegara sete días antes tras derrotar pola mínima no Anxo Carro ao Sabadell. No partido 12 empata en Mallorca sen goles e suma 21 puntos, 30 partidos despois remata a liga decimo segundo con 54.

Dous campionatos máis tarde, e co vilagarcián Luis César de adestrador os lugueses volven coller a onda boa nas doce primeiras xornadas. Na oitaba golean ao Mallorca en Lugo e collen o segundo posto. Manteno dúas semanas e logo devala até a novena praza pasados doce partidos. Xustamente noveno, e con 55 puntos, remata o Lugo aquel campionato.

Un ano despois, na Liga 2017-18 e con Francisco no banco, os galegos repiten outra nova xeira de excelentes resultados na primeira ducia de partidos. Os das murallas andiveron empoleirados na cabeza da clasificación durante tres xornadas. Derrotan ao Nastic de Tarragona no Anxo Carro e aguantan unha semana máis o liderado con doce xornadas cumpridas. Pérdeno, sete días máis tarde, caendo contra o Oviedo para rematar a temporada 30 xornadas mais tarde no posto 12 e con 55 puntos.

Agora Nafti suma 16 puntos de 21 posibles e o Lugo mírase sexto na clasificación doce partidos despois de comezar o torneo.

O 12+1, a cifra para os supersticiosos, este venres en Alcorcón.

Noticias web

16/11/2020