Ábrese unha nova etapa de negociacións entre a Unión Europea e o Reino Unido
Tres anos e medio despois de votaren a favor de irse de Europa, os británicos abandonan a comunidade á que pertenceron durante 47 anos. E iso tamén vai supor un novo xeito de relacionárense con outros países.
Comeza unha nova etapa nas relacións diplomáticas. 47 anos despois, o Reino Unido xa non forma parte da Unión Europea. Os analistas cren que a relación entre Londres e Europa será complicada. Haberá que ver se isto supón unha liberación, como defenden os partidarios do brexit, ou se esta ruptura debilita a democracia británica.
No novo período de negociacións entre o Reino Unido e a Unión Europea todo está por facer. E a capacidade do goberno español, e do executivo galego, para posicionarse perante o eixe franco-alemán vai ser crucial.
Neste proceso negociador Galicia ten moito en xogo. Entre os sectores máis sensibles está o automobilístico, o téxtil e o pesqueiro, pendente dos barcos que traballan nos caladoiros británicos e nas Malvinas.
Tanto o Reino Unido como a Unión Europea queren manter as súas relacións comerciais, financeiras e fiscais. Porén, Estévez-Sáa considera que Bruxelas non pode adoptar unha postura demasiado amable.
Por iso pon en dúbida que ambas as dúas partes poidan chegar a un acordo final de traballo antes de que remate o ano.