Ábrese outra boca no volcán da Palma, que conta con dúas novas coadas
O volcán de Cumbre Vieja abriu este venres unha nova boca de erupción. Sería este o terceiro punto de emisión de lava, e segundo parece é unha boca moi efusiva, cunha lava moi líquida.
Agora os equipos científicos que seguen a evolución do volcán tratan de comprobar se esa lava se une á coada principal que nestes momentos está desembocando no mar.
Vídeo a las 10.00 h (hora canaria) tomado por nuestros compañeros en el campo. Nuevo foco de emisión y nueva colada de lava / Video at 10:00 am (Canarian time) taken by our colleagues in the field. New focus of emission and new lava flow #erupcionlapalma #lapalmaeruption #lapalma pic.twitter.com/N5I9nOW1VA
— INVOLCAN (@involcan) October 1, 2021
Ao mesmo tempo, o Instituto Xeolóxico Mineiro de España (IGME), confirmou que dúas novas coadas de lava se dirixen cara ao oeste desde as 2:30 deste venres e avanzan por dous barrancos, e tamén se trata de observar se converxerán coa coada principal.
Mentres tanto, o Cabido da Palma autorizou de novo os agricultores de El Remo, Charco Verde e Puerto Naos volver cortar froita nas plantacións plataneiras.
A lava emitida polo volcán desde o inicio da súa erupción o 19 de setembro cobre 709 hectáreas, incluído o terreo que gañou ao mar desde a noite do día 28, e afectou 1.005 edificacións, das cales 870 quedaron destruídas.
Así figura na última actualización do sistema de satélites europeo de monitoraxe terrestre Copernicus, con datos solicitados na madrugada deste venres.
Tamén aumentou en comparación co anterior reconto o número de quilómetros de estradas afectados, agora 30,2, dos cales 27,7 quilómetros foron destruídos polo paso da lava.
A superficie ocupada pola cinza caída esténdese por 3.172,9 hectáreas.