CRTVG

Buscar

Ábrese o prazo para que as empresas se sumen ao bono turístico

Publicado o 23/03/2021 13:26
Ábrese o prazo para que as empresas se sumen ao bono turístico

As empresas interesadas en participar na segunda convocatoria do bono turístico Quedamos en Galicia xa poden adherirse ao programa. O Diario Oficial de Galicia publica este martes os prazos e as condicións para sumarse á iniciativa.

Poden participar todos os aloxamentos regrados, excepto as vivendas de uso turístico, e as axencias de viaxes que oferten servizos, pernoitas ou paquetes turísticos en Galicia. Para iso, deberán darse de alta a través do espazo profesional habilitado para o sector, Turespazo, dende hoxe e ata o final do programa, o 15 de decembro.

Nesta edición, o bono estará aberto ao conxunto da poboación galega, co obxectivo de mobilizar en torno a 6,8 millóns de euros, inxectar actividade e impulsar a reactivación do turismo.

Entidade colaboradora

Abanca será a entidade colaboradora na xestión destas axudas, que se materializarán a través dunhas tarxetas nas que a Xunta asumirá o 60 % do bono e a clientela o 40 %. A diferenza do pasado ano, as empresas que se adhiran non deberán facer ningún desconto sobre as tarifas dos servizos ofertados.

Outra das novidades é que haberá tres tipos de bonos: un de 250 euros (150 subvencionados), outro de 375 euros (225 subvencionados) e o terceiro de 500 (300 subvencionados).

Un bono por persoa

Cada persoa só poderá gozar dun único bono, que se concederá por orde de petición. O prazo para a solicitude abrirase nas próximas semanas.

Na primeira edición do bono turístico, dirixido a persoal sanitario, beneficiáronse case 20.000 persoas e adheríronse 560 empresas, o 70 % aloxamentos turísticos.