CRTVG

Buscar

Ábrese o prazo das axudas para renovar electrodomésticos

Publicado o 20/04/2021 13:59

Desde hoxe xa se poden solicitar as axudas da Xunta para renovar electrodomésticos. O orzamento destinado este ano ao denominado programa Renove de electrodomésticos é de tres millóns de euros, un setenta por cento máis que o ano pasado. Os beneficiarios poden optar a axudas de 100 a 450 euros, dependendo do tipo de electrodoméstico e tamén do perfil do propio solicitante. No caso das familias máis vulnerables, as axudas poden alcanzar ata o 75 % do prezo final.

Lavadoras, lavalouzas, placas de indución, neveiras e conxeladores son os electrodomésticos incluídos nesta nova edición do programa Renove. Hai preto de catrocentos establecementos asociados en Galicia, que son os que se encargan de informar e mesmo tramitar as axudas para os clientes interesados.

Roberto Seoane Laso, vendedor de electrodomésticos: "Capturamos os datos, entramos na páxina do Inega, facemos a reserva dos fondos e xa facemos a entrega, recollemos o aparato vello...".

Calculan que arredor de 20.000 familias se van beneficiar das axudas, que ascenden a tres millóns de euros.

"Viña porque me facía falta e agora comentáronme o das axudas. Pois ben, anímome máis", comenta unha clienta.

Con este programa, a consellería de economía pretende, por un lado, promover o aforro enerxético coa renovación dos electrodomésticos e, por outro, estimular o mercado.

Roberto Seoane Laso, vendedor de electrodomésticos: "Incentiva moito o consumo, sobre todo anima moito a xente a cambiar aparatos que consomen moito por outros máis eficientes, e quedan contentos porque lles rebaixa a factura da luz".

Cada beneficiario pode renovar ata tres electrodomésticos distintos.

Noticias web

20/04/2021