CRTVG

Buscar

Breogán e Basquet Coruña pelexan por un posto na Copa Princesa

Publicado o 17/12/2020 22:05

A Liga LEB Ouro prepárase para a súa primeira gran cita. O final da primeira volta sinalará os finalistas da copa Princesa. A xornada deste venres preséntase apaixoante. O Breogán é o que ten máis posibilidades. A vitoria na Coruña de hai dúas semanas dalle un partido de vantaxe ademais do basquet average. Se gaña o seu encontro ante o Cáceres será finalista e anfitrión da copa princesa.

Pero Diego Epifanio non quere pensar na copa: "A calquera persoa do club, dende o speaker, Maximus, o presidente, calquera persoa do staff ou do vestiario que esta semana estea a pensar noutra cousa ou mañá pense noutra cousa que non sexa sacarmos adiante o partido que como vos digo vai ser moi difícil de sacar penso que estaríamos equivocados".

Agardando o erro dos lugueses está o Basquet Coruña, segundo clasificado. Se o Breogán perde, o equipo coruñés tería que derrotar ao Oviedo e ademais compensar os 21 puntos de diferenza que ten agora respecto ao Breogán. Non o terán doado porque segundo sinala Gediminas Zyle, O Oviedo "é un equipo moi físico ten moi bos xogadores exteriores, tamén interiores, moi físicos, e imos ter traballo".

Seguiremos con atención a través da nosa segunda canle o desenlace da primeira volta da liga Leb Ouro. Tamén contaremos o que faga o Club Ourense Baloncesto en Melilla.

Noticias web

17/12/2020