CRTVG

Buscar

Breogán e Básquet Coruña, a unha vitoria da final polo ascenso

Publicado o 03/06/2021 20:44

O primeiro partido das semifinais polo ascenso á ACB ofreceu todo o que se agarda dun playoff. Espectáculo, alternativas e paixón. E todo en grandes doses. Ante unha afección que volveu evidenciar a importancia do "efecto Pazo": "O efecto Pazo outra vez foi brutal. Os nosos seareiros estiveron outra vez de quitar o sombreiro", sinalou Diego Epifanio, adestrador do Río Breogán.

Saíu un partido tolo o Breogán-Alacante. O equipo de Diego Epifanio empezou gañando de 17 para pasar a perder por 14 no terceiro cuarto. Así que o final se encamiñou á épica cun Sergi Quintela maiúsculo.

"Se alguén sente envexa é calquera adestrador que non teña a sorte de adestrar os xogadores que eu teño porque son a caña", explicou o técnico do conxunto lugués.

Queda o Breo a unha vitoria da final polo ascenso, a mesma distancia á que está o Leyma Coruña. Os herculinos recuperan o factor campo logo de derrotar ao Granada na súa pista. O Basquet Coruña dominou dende o comezo ante un conxunto nazarí ao que as forzas só lle permitiron igualar ao final do terceiro cuarto. Nos últimos 10 minutos do partido o equipo de Sergio García volveu ser mellor e ten a ocasión de selar na casa o paso á final polo ascenso.

Noticias web

03/06/2021