CRTVG

Buscar

Bota a andar o Goberno co que Sánchez afronta a segunda metade do mandato

Publicado o 12/07/2021 09:52
Bota a andar o Goberno co que Sánchez afronta a segunda metade do mandato

Os novos ministros prometeron este luns os seus cargos ante o rei nun acto no Salón de Audiencias do Palacio da Zarzuela e en presenza do presidente do Goberno Pedro Sánchez.

Nesta xornada, o Boletín Oficial do Estado facía oficial o cesamento dos ministros saíntes, o nomeamento dos seus substitutos e a estrutura resultante do novo Executivo tras os cambios decididos por Sánchez.

En total houbo doce promesas: as dos sete novos ministros, as das tres vicepresidentas, que ascenden no escalafón e asumen un rango maior cada unha delas, e a de Miquel Iceta ao cambiar Política Territorial por Cultura e Deportes e mais a de María Jesús Montero ao engadir Función Pública ao departamento de Facenda.

A primeira en prometer o seu cargo, previa lectura do correspondente decreto de nomeamento, foi a nova ministra de Xustiza Pilar Llop para, como é preceptivo, asistir desde ese momento ao acto como notaria maior do Reino.

Despois fixérono a vicepresidenta primeira Nadia Calviño, a segunda Yolanda Díaz e a terceira Teresa Ribera, mentres que o primeiro dos novos ministros foi o titular de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación José Manuel Albares.

A Albares seguírono, por esta orde, Montero e os titulares de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana Raquel Sánchez, Educación e Formación Profesional Pilar Alegría, Presidencia, Relacións coas Cortes e Memoria Democrática Félix Bolaños, Política Territorial Isabel Rodríguez, que será a portavoz do Goberno, Iceta e Diana Morant, nova ministra de Ciencia e Innovación.

Todos eles, protexidos con máscaras, leron a fórmula habitual de promesa sen introducir ningún cambio salvo na mención ao Consello de Ministros.

Yolanda Díaz optou por dicir "Consello de Ministras", Teresa Ribera por "Consello de Ministras e Ministros" e Montero, Alegría e Morant alteraron esa orde.

As promesas dos ministros foron ante un exemplar facsímile da Constitución editado polas Cortes Xerais en 1980 e aberto polo Título IV e artigo 100, que determina que os ministros son nomeados e cesados polo rei a proposta do presidente do Goberno. Non se colocou xunto ao exemplar da Constitución nin Biblia nin crucifixo, unha opción que a Casa do Rey ofrece desde que comezou o reinado de Filipe VI.

Ao termo das promesas, o rei posou xunto aos novos ministros e Sánchez, e mantivo unha conversación informal con eles.

Intercambio de carteiras

Tras a toma de posesión solemne, produciuse o tradicional intercambio de carteiras. No traspaso da de Política Territorial, Iceta dixo explicitamente que "sentía deixar o ministerio" onde levaba apenas uns meses. Agora ocuparase de Cultura. Tamén chamou a atención a saída de José Luís Ábalos. O xa ex ministro despediuse sen  mencionar sequera ao presidente Sánchez.

Un novo Goberno, di Pedro Sánchez, para impulsar unha recuperación vigorosa. Nun acto aquí na Moncloa, o presidente apuntou o obxectivo principal desta remuda: a recuperación económica, social e territorial do país.

Os novos ministros tomaron posesión durante a mañá. Puidemos ver traspasos de carteiras '"amorosos", así definiu Carmen Calvo o momento en que lle entregou a carteira a Félix Bolaños.

Cun "ata sempre" se despedía de Transportes José Luis Ábalos, con palabras de agradecemento para o ministerio e o seu equipo. Neses agradementos non incluíu hoxe ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez.

Esta remuda no executivo inclúe un cambio de carteira, o de Miguel Iceta, que hoxe non disimulou que sente deixar Política Territorial.

Esta remodelación só afectou a parte socialista do Goberno, non hai relevos nos cinco ministerios que leva Unidas Podemos. Hoxe preguntáronlle a Yolanda Díaz se descartaba cambios.

Pero dende Podemos, Isa Serra, voceira da formación, pechaba as portas aos cambios.

Noticias web

12/07/2021