Abre en Ferrol un Centro de Excelencia Naval con 50 profesionais
Bota a andar en Ferrol o centro para a transformación dixital do sector naval público e privado de España. Navantia e Siemens auspician co apoio da Xunta este polo de capacitación técnica e formación.
Segundo Miguel Ángel López, presidente de Siemens-España: "O que van encontrar aquí armadores, enxeñeiros, estudantes de navais e resto de profesionais do sector é un lugar onde van poder experimentar a dixitalización".
O presidente da Xunta pide que Navantia Ferrol aproveite a construción a partir de marzo das fragatas F-110 para modernizarse e competir por encargas no estranxeiro. Alberto Núñez Feijóo quéixase da que chama abrupta transición enerxética española, que está a levar por diante moitos empregos na industria galega.
Fai votos para que o naval galego consiga os 580 millóns de euros de fondos europeos con proxectos que suman 1.700 novos postos de traballo. Para Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia: "Como esta comarca sabe que esa transición está producindo peches, coma o de pas nas Somozas ou o da central térmica máis importante de España nas Pontes, entenderán que este PERTE do naval pedímolo exclusivamente, non porque se nos ocorra, senón porque, na nosa opinión, é imprescindible".
O PERTE do naval pretende aumentar o volume de negocio o 6 %, cun impacto da economía de 3.000 millóns de euros.