CRTVG

Buscar

Telexornal Serán FDS

Bos Aires celebra "A Noite dos Museos"

Publicado o 05/11/2017 21:34


Cinco institucións galegas de Bos Aires foron protagonistas da última edición da 'Noite dos Museos'. Cunha ampla programación, os galegos da quinta provincia quixeron achegar Galicia e a súa cultura a arxentinos e turistas.


Como ven rúas cheas de xente en Bos Aires para gozar dunha nova edición da 'Noite dos museos" porteña.
Un éxito que cada ano reúne a máis dun millón e medio de persoas en torno á cultura e que nesta ecasión tivo a cinco institucións galegas encargadas de amosar o noso folclóre e a nosa gastronomía a tódolos arxentinos.

Aprender a facer unha boa empanada galega na Sociedade Parroquial de Vedra, pero en América, participar nunha clase de encaixe de camariñas no Centro Arzuano Melidense de Bos Aires ou gozar dunha visita guiada e teatralizada no Museo da Emigración Galega da Arxentina foron algunhas das actividades coas que os galegos da quinta provincia cativaron a locais e turistas na súa Noite dos Museos. Un evento cultural masivo no que o público aproveitou para coñecer mellor Galicia.

Sandra Lorena Arango - Participante da Noite dos Museos de Bos Aires
"A idea desta noite é coñecer un pouco máis e ver se nos animamos para unha viaxe o próximo ano".

Asunción Marticorena - Participante da Noite dos Museos de Bos Aires
"Quería aprender realmente cómo se facía a empanada galega que é un segredo porque fundamentalmente a masa hai que saber facela moi ben".

Lucas Innocenti - Participante da Noite dos Museos de Bos Aires
"Interesoume un pouco a historia, coñecer, e ver como é a tradición galega".

O Centro Galego e o Círculo Social Val Miñor completaron a programación dunha noite máxica en torno á cultura galega dende Bos Aires onde as actividades para toda a familia, con boa gastronomía e historia, conquistaron a un público entregado.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí