CRTVG

Buscar

Bos Aires blíndase para recibir aos líderes do G20

Publicado o 27/11/2018 15:28

A Arxentina prepárase para recibir en só uns días os xefes de Estado e de Goberno das maiores economías do mundo como presidente temporal do G20 e para iso a cidade de Bos Aires blíndase nun operativo de seguridade sen precedentes no país.

Estamos en Retiro, unha das estacións de tren e autobuses de cabeceira en Bos Aires, como ven é un fervedoiro de xente pero nuns días verase totalmente deserta porque forma parte, ao igual que boa parte da cidade, da zona de seguridade que fixou o Goberno para custodiar os líderes da economía mundial, que se darán cita na capital arxentina o 30 de novembro e 1 de decembro, para participar no cumio do G20.

O operativo de seguridade que ten previsto o Goberno paralizará a capital arxentina durante tres días, con restricións de acceso por terra, mar e aire para garantir a seguridade das comitivas internacionais.
A Executiva de Mauricio Macri mesmo decretou o 30 de novembro festivo en Bos Aires e está previsto o despregamento de 22.000 efectivos policiais que axuden a previr actos terroristas e protestas violentas.
Un dispositivo sen precedentes no país para o que a ministra de Seguridade dixo que están preparados, e cualificou o operativo de potente e axeitado ao desafío que supón un cumio do G20.
Será a primeira vez que este foro internacional se celebre en América do Sur.







 

Noticias web

27/11/2018