CRTVG

Buscar

Telexornal Serán FDS

Bos Aires acolle a segunda edición de Celebra Galicia

Publicado o 11/10/2015 21:13

Esta edición do Celebra Galicia adícase ó entroido

Esta fin de semana, Galicia estivo máis presente ca nunca na Arxentina. Foi grazas á segunda edición do Bos Aires Celebra Galicia. A poucos metros da Casa Rosada e en pleno corazón de Bos Aires, a comunidade da Galicia exterior homenaxea a cultura, a gastronomía e a artesanía do país. Esta edición do Celebra Galicia adícase ó entroido.

A xornada prometía festa e houboa. Preto de cen estands e milleiros de persoas coparon a avenida de Maio, a máis española da Arxentina, para elevar a cultura galega á súa máxima expresión. Non faltou a misa na Catedral Metropolitana de Bos Aires na honra a Santiago Apóstolo, así como a posterior procesión do patrono de España ó ritmo das gaitas e tambores.

A choiva ameazou por momentos, pero deixou desfrutar deste evento que toda a colectividade da diáspora latinoamericana levaba a preparar dende hai máis de 200 días.

"Pues se prepara con mucho trabajo, con mucha voluntad, mucho compromiso y con muchas ganas de hacer honor a nuestra tierra, a nuestra cultura y a nuestras raíces".

Para a ocasión, ademáis de boa parte dos centros e asociacións galegos da Arxentina, úníronse a Irmandade Galega de Venezuela, a colectividade galega de Santos, no Brasil, e a do Uruguay.

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o secretario xeral da Emigración arrouparon á comunidade galega do exterior neste día.

"O ambiente que hoxe se viviu aquí e a alegría que se ve aquí, a irmandade entre todo o mundo, e ó final se vive Galicia dun xeito moi emocionante".

Pero, sen dúbida, un dos momentos máis especiais e agardados foi este: tentar lograr o récord Guinness á muiñeira máis longa do mundo. 142 parellas e outros tantos músicos abraiaron a un público entregado co espectáculo.

Agora toca agardar polo veredicto da comisión do Record Guinness, pero pase o que pase, están satisfeitos. "Salió como esperábamos y esperamos que si que haya Ginness. Si no es la más larga del mundo, vamos a por la de América o de Argentina". Todo vale por seguir coidando dunha cultura que viven fervorosamente.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí