Borrell renuncia ao Parlamento Europeo para seguir como ministro
O ministro de Exteriores en funcións, Josep Borrell, vai anunciar ás 15.00 horas deste mércores en Bruxelas a súa decisión de renunciar a acta de eurodeputado que adquiriu tras as eleccións do 26 de maio pasado para seguir ocupando a carteira no Goberno de Pedro Sánchez.
Borrell está en Bruxelas para participar na reunión da OTAN e ten previsto acudir á sede do Parlamento para facer oficial a súa renunica ao escano.
O ministro convocou unha conferencia de prensa no Europarlamento para explicar as razóns que o levaron a renunciar ao escano obtido hai só unhas semanas. O que fora cabeza de lista do PSOE nas eleccións europeas renuncia así a recoller a súa acta, trámite que debía cumprir antes do próximo día 2 de xullo, cando se constitúe o Parlamento Europeo, e para o que xa foi acreditado pola Xunta Electoral Central.
Borrell, que foi presidente do Parlamento Europeo entre 2004 e 2007, é un dos principais candidatos españois a ocupar un dos cinco grandes postos europeos que se dirimen nestes días. Pendente de renovación están as presidencias do Parlamento, da Comisión e do Consello Europeo, así como o posto de alto representante para a política exterior da UE, e en breve será necesario elixir o próximo presidente do Banco Central Europeo.
Ser eurodepuado non é condición para ocupar ningún destes postos, polo que Borrell seguiría estando entre os principais candidatos e á vez non se ve obrigado a abandonar a carteira de ministro, cando menos ata que se conforme o próximo Goberno.
Non obstante, fontes próximas á negociación explican que "encaixar todas as pezas" da negociación non está resultando nada fácil, xa que a designación dos postos clave debe atender a criterios de distribución "norte-sur, leste-oeste, home-muller e, por suposto, entre conservadores, liberais e socialdemócratas".