Boris Johnson prevé relaxar as restricións no Nadal para facilitar as reunións familiares

O primeiro ministro do Reino Unido, Boris Johnson, prevé relaxar as restricións contra o coronavirus durante o Nadal para facilitar as reunións familiares, segundo avanzou Downing Street.
Johnson explicará este luns o seu plan para instalar de novo un sistema de tres niveis de restricións a partir do 2 de decembro, data en que se prevé que finalicen as medidas de confinamento decretadas en toda Inglaterra hai algo máis de dúas semanas.
Incluirá unha pausa nalgunhas das limitacións sociais entre o 22 e o 28 de decembro, aínda que o plan está pendente de que Johnson acorde un calendario similar para todo o Reino Unido cos gobernos autónomos de Escocia, Gales e Irlanda do Norte, segundo avanzou a canle Sky News.
Fóra do período do Nadal, as restricións nas rexións máis castigadas pola pandemia serán máis duras que as que se impuxeron en outubro en Inglaterra.
O Reino Unido rexistrou o sábado 341 mortes por covid-19 e 19.875 contaxios, fronte aos 20.252 casos e as 511 mortes rexistradas o día previo.