CRTVG

Buscar

O Parlamento británico bloquea a estratexia de Boris Johnson para o 'brexit' duro

Publicado o 04/09/2019 14:50

O Parlamento británico repúxose á estratexia de Boris Johnson e cortoulle o paso ao primeiro ministro para evitar un brexit polas malas. Onte, grazas a unha rebelión nas filas do partido conservador, a cámara dos comúns arrabatoulle ao Goberno a facultade de fixar a orde do día. Hoxe aprobará unha moción para pedirlle unha prórroga a Bruxelas se non se consegue un acordo antes do 31 de outubro.

328 deputados en contra de Boris Johnson, fronte aos 301 que apoian a súa estratexia. O primeiro ministro non logra torcer a vontade do Parlamento, que ofrece unha resistencia contumaz ás présas do premier por abandonar a Unión Europea. A vitoria parlamentaria foi posible grazas á rebelión dun grupo deputados do partido conservador.

"É o momento de poñer os intereses nacionais por riba dos intereses partidistas", explicaba o ex-ministro de Economía Phillip Hammond, un dos líderes da revolta tory. Pouco antes do debate, un dos seus deputados pasaba ás filas dos liberais, deixando o goberno en minoría. Johnson, irado e desconcertado, ameaza con expulsar do partido os que non o apoien e acúsaos de preparar o camiño para o desembarco de Jeremy Corbyn.

"Se é primeiro ministro irá a Bruxelas suplicar unha extensión e aceptará todo o que lle propoñan", reprochaba entre apupos, nunha tensísima sesión.

Corbyn apela ao sistema de democracia parlamentaria, lembra que os homes e mulleres que sentan na Cámara dos Comúns son representantes da vontade popular. Mentres, nos exteriores de Westminster, partidarios e detractores do brexit concéntranse ante esta sesión decisiva.

A complicidade doutro conservador, o presidente do parlamento, John Bercow -que tamén é eurófilo-, permitiu que hoxe se debata unha moción para solicitar unha extensión a Bruxelas, unha prerrogativa que normalmente lle corresponde ao Goberno. Ante esta situación, Johnson chegou a ameazar cunha convocatoria electoral para quince días antes da data que marca o calendario de saída.

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

04/09/2019