CRTVG

Buscar

Boris Johnson mándalle á Unión Europea dúas cartas contrapostas

Publicado o 20/10/2019 20:10

Boris Johnson optou por unha solución bipolar en que expresa, por unha parte, a vontade da Cámara dos Comúns, e, pola outra, a súa propia vontade, pero en todo caso evita que poidan acusalo de desacato ao decidido onte no Parlamento de Westminster.

Nunha das cartas enviadas á Unión Europea pide a extensión da prórroga para o brexit ata o 31 de xaneiro de 2020 e explica que o texto non foi elaborado por el, senón que emana do Parlamento. De feito, vai sen a súa sinatura.

Na outra carta, esta si asinada por Boris Johnson, relátalles ás institucións de Bruxelas que unha demora no brexit sería "profundamente corrosiva" para o seu país e asegura que tentará que se aprobe o acordo para a saída do club comunitario o 31 deste mes.

De feito, Johnson pretende levar adiante unha votación na Cámara dos Comúns a semana vindeira. Nun principio falouse de mañá, luns, e agora dise que pode ser entre mañá e pasado.

O presidente do Consello Europeo, Donald Tusk, contestáballe a través de Twitter: "A solicitude de extensión acaba de chegar. Agora comezarei a consultar os líderes da UE sobre como reaccionar".

O gran protagonista de onte na Cámara dos Comúns, o conservador disidente Oliver Letwin, confirmaba hoxe nun programa televisivo que a súa emenda é unha póliza de seguros a favor dun brexit con acordo. Letwin cre que os conservadores máis duros podían votar onte a favor do tratado do brexit negociado por Johnson e logo torpedear a lexislación pendente para poñelo en práctica, forzando así un non acordo por defecto.

Mentres, desde Peoples Vote, a organización que convocou onte a marcha a favor dun segundo referendo do brexit, indican que a participación chegou ao millón de persoas e que seguirán esixindo na rúa que os británicos teñan a última palabra.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

20/10/2019