CRTVG

Buscar

Boris Johnson, elixido líder conservador e próximo primeiro ministro británico

Publicado o 23/07/2019 21:14

Boris Johnson será mañá primeiro ministro británico, tras impoñerse con rotundidade ao seu rival, o secretario de Exteriores, Jeremy Hunt. O ex-alcalde de Londres foi un dos grandes defensores do brexit, capítulo que di que afronta con moita enerxía e positivismo. Cun carácter excéntrico, agora terá que plantar cara aos retos que poden desatascar un país moi dividido, e que di, pretende unir de novo.  

Boris Johnson é o novo lider dos conservadores británicos, e faino con dúas promesas, culminar o brexit o 31 de outubro, con ou sen acordo, e literalmente a vida ou morte. O ex-alcalde de Londres, venceu cunha ampla maioría o seu rival, o secretario de Exteriores Jeremy Hunt, cun 66% dos votos.

Nun discurso breve pero intenso, asegurou que tentará estar á altura do reto e afrontar a maior serie de circunstancias críticas ás que xamais se enfrontou un primeiro ministro. As felicitacións non tardaron en chegar de todas as partes do mundo, e non podía faltar a de Donald Trump ou de Theresa May, a quen deu as grazas. Na Unión Europea, as reaccións foron máis comedidas.

Na reunión do Comité Parlamentario 1922 falou de afrontar a crise de Irán construíndo máis barcos de guerra e mesmo se atreveu a falar dun éxito impoñente do brexit. Algúns deputados conservadores marcharon do acto alegando que tiña trazas circenses.

Pero como as palabras lévaas o vento, haberá que esperar a ver as accións políticas de Johnson. Este mércores xa tomará posesión como primeiro ministro.