CRTVG

Buscar

Boris Johnson asume o encargo da raíña e xa é o primeiro ministro británico

Publicado o 24/07/2019 20:20

Boris Johnson tomou posesión do cargo de primeiro ministro do Reino Unido. O novo líder dos conservadores británicos recibiu o encargo da raíña Sabela II de formar goberno. Despois da xuntanza no palacio de Buckingham, Johnson trasladouse á súa nova residencia de Downing Street, da que se despediu hoxe Theresa May, despois da súa dimisión e a vitoria do ex-alcalde de Londres nas primarias dos tories. No seu primeiro discurso, Johnson, reafirmou a súa vontade de saír con ou sen acordo da Unión Europea o 31 de outubro.
 

May pide un brexit que beneficie todo o Reino Unido

A saínte primeira ministra británica, Theresa May, confiou este mércores en que o seu sucesor, o conservador Boris Johnson, poida cumprir cun brexit que beneficie todo o Reino Unido e desexoulle o mellor nos próximos anos. Nun breve discurso ao país á porta do 10 de Downing Street, a que foi a súa residencia oficial nos tres últimos anos, May afirmou que foi a "maior das honras" servir durante este tempo como xefa do Goberno do Reino Unido.

May acudiu ao palacio de Buckingham para presentarlle formalmente a súa dimisión á raíña Isabel II de Inglaterra e recomendarlle que lle pida a Johnson que forme un novo Executivo.

"Repito as miñas calorosas felicitacións a Boris por gañar a elección do liderado. Deséxolle a el e ao Goberno que presida boa sorte nos meses e anos vindeiros. Os seus éxitos serán os éxitos do noso país e espero que sexan moitos", dixo May, visiblemente emocionada e acompañada polo seu marido, Philip.

A dirixente tory encomiou as políticas aplicadas polos gobernos conservadores no últimos nove anos e resaltou que a economía mellorou e tamén os servizos públicos.

"Por suposto, queda moito por facer. A prioridade inmediata é completar a nosa saída da Unión Europea nunha forma que beneficie a todo o Reino Unido", remarcou. 

May, que participou na súa última sesión de preguntas á primeira ministra no Parlamento, presentou a súa dimisión o pasado 7 de xuño despois de que a Cámara dos Comúns rexeitara tres veces o pacto que negociou con Bruxelas sobre o brexit.

Noticias web

24/07/2019