CRTVG

Buscar

Boqueixón e Oroso, dous concellos que preocupan pola alta incidencia

Publicado o 16/02/2021 15:14

Hai dous concellos na área sanitaria de Santiago que están oscilando moito, un deles é o de Oroso que ten unha incidencia acumulada de 361 casos por cen mil e o outro é o de Boqueixón on 619.

Segundo o último balance, en toda a área sanitaria de Santiago rexistráronse 39 casos activos, que aínda que é unha cifra elevada, son moito menos ca os 62 de hai unha semana.

Hoxe, martes de Entroido, é festivo en ambos os dous concellos, e co comercio e a hostalaría pechados, as rúas están practicamente baleiras, parecen dúas vilas pantasma. Para os veciños de Boqueixón está sendo un festivo local raro.

"É que non ves a ninguén, parece que se acaba o mundo, non ves ningún coche, non ves ningunha persoa  e quedas dicindo, ahhhh, o virus", comenta Loli, unha veciña.

"É un pouco raro si, non estamos habituados que un martes de Entroido sexa festivo aquí, pero o Concello decidiu este ano cambiar o festivo local", engade outro veciño.

"Eu creo que creo que moita xente nin o cocido fixo hoxe ", fala Loli.

Cunha incidencia acumulada por riba da media, os veciños teñen medo de saír á rúa.

"A xente non sae, intentan saír o menos posible", apunta unha moza. "É moi agoniante porque estás pensando ai... e se o pillo eu? Como escoitas, un vai para a UCI, outro non sei que e o outro non sei canto, e estás pendente de que me vai pasar a min, entón psicoloxicamente eu creo que mina moito, a todo o mundo. O medo, eu creo que o medo é que o que nos fai parar", comenta Loli.

Loli di ser unha privilexiada por vivir nunha zona rural.

"Somos moi privilexiados porque estamos na aldea, porque temos unha casa e porque temos unha horta, porque podemos ir camiñar por unha pista de monte que non te atopas con ninguén e aínda así sentímonos un pouquiño encarcerados".

 

 

 

 

Noticias web

16/02/2021