CRTVG

Buscar

Bombeiros e veciños relatan que viviron un "auténtico pesadelo"

Publicado o 19/06/2017 08:10

Os residentes aseguran que son habituais os incendios nesta época pero que non lembran ningún desta magnitude na última década

Un devastador incendio, que xa se converteu nunha das maiores traxedias na historia recente de Portugal. Os bombeiros que traballan nel falan de escenario dantesco.

Unha enorme fronte de lapas e fume negro deixaba ao seu paso unha auténtica traxedia en Portugal.

Os equipos que conseguiron chegar ao lugar onde se atopaban parte das vítimas, no municipio de Pedrógão Grande, descríbeno como un "escenario horrible".

"Este foi un incendio anómalo, en Portugal non estamos habituados. Levo máis de 50 anos combatendo incendios e nunca vin un destas dimensións, con esta forza de vento ciclónico", afirmaba o presidente da liga dos bombeiros de Portugal. 

Jaime Soares explicou ademais aos medios que o incendio parecía lonxe, moitas familias confiáronse e intentaron escapar no coche. Despois entraron nunha "auténtica rateira de fume" antes de prenderen lume os vehículos.

A conmoción e o nerviosismo nos lugares afectados acentuábase coa evacuación de moitos residentes nas zonas ameazadas polo lume a lugares máis seguros, o que fixo que nalgúns casos se perdese o contacto entre familiares. 

O alcalde de Pedrógão Grande, Valdemar Alves, aseguraba que se sentía nun pesadelo, ao non dar crédito a semellante traxedia.

"O lume propagábase que parecía un furacán, o vento era un auténtico ciclón. As persoas entraron en pánico", relataba.

A zona do incendio está chea de pequenos lugares comunicados por pistas con moita vexetación, o que favoreceu a rápida propagación do lume.

Unha das veciñas dun dos lugares ameazados explicaba que chegaron a ver o lume onte no monte, pero que nunca pensaron que se dirixiría cara ás súas casas. Comenta que un familiar a espertou pola noite e que xa non volveu durmir, pensando que as lapas chegarían ata alí.

Os residentes aseguran que son habituais os incendios nesta época pero que non lembran ningún desta magnitude na última década.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

19/06/2017