CRTVG

Buscar

Bolsonaro responsabiliza das mortes no Brasil os alcaldes e gobernadores que toman medidas de confinamento

Publicado o 29/04/2020 18:04
Bolsonaro responsabiliza das mortes no Brasil os alcaldes e gobernadores que toman medidas de confinamento

O presidente do Brasil, o ultradereitista Jair Bolsonaro, responsabilizou este mércores os gobernadores e alcaldes do país, que foron os impulsores de adoptar medidas de illamento, do aumento das mortes pola COVID-19 no país.

"Esa factura ten que ser enviada aos gobernadores. Pregunten ao señor João Doria (gobernador de São Paulo), ao señor (Bruno) Covas (alcalde de São Paulo) por que tomaron medidas tan restritivas e continúa morrendo xente", dixo Bolsonaro na porta do Palacio da Alvorada, a súa residencia oficial en Brasilia.

"Eles teñen que responder. Vostedes non van cargar nas miñas costas esa conta", engadiu dirixíndose aos xornalistas.

Preguntado sobre cal sería a súa responsabilidade, o xefe de Estado respondeu: "A pregunta é tan idiota que non vou responder". Tras as declaracións de Bolsonaro, o gobernador de São Paulo protagonizou un duro pronunciamento en que convidou o presidente a "saír da súa burbulla" e visitar os hospitais colapsados e as "persoas agonizando".

"Pare, presidente, con esta política de perversidade, pare de dificultar aaqueles que están a loitar por salvar vidas, pare de facer política no medio dun pais que chora as mortes", dixo este mércores Doria.

Bolsonaro, que defende a volta "inmediata" á normalidade e a fin das corentenas, minusvalora o perigo da crise sanitaria desde que apareceu o primeiro caso confirmado de novo coronavirus no país, o pasado 26 de febreiro. Dous meses despois, a pandemia avanza de forma inexorable ao rexistrar 5.017 mortes, por encima xa da China, e 71.886 casos confirmados, segundo o último balance do Ministerio de Saúde, que espera o pico para maio ou xuño

Noticias web

29/04/2020