CRTVG

Buscar

Bolsonaro dá positivo por coronavirus e comeza a ser tratado con cloroquina

Publicado o 07/07/2020 17:40

O presidente brasileiro, Jair Bolsonaro, de 65 anos e un dos máis escépticos do mundo sobre a gravidade do coronavirus, informou este martes que deu positivo por COVID−19 e comezou a ser tratado con cloroquina.

"Comezou o domingo cunha breve indisposición", dixo o propio mandatario a xornalistas na súa residencia oficial e asegurou que se sente "perfectamente ben".

Durante os últimos meses, Bolsonaro desafiou case a diario o virus, ao que chegou a cualificar de "gripiña", ao circular polas rúas en plena corentena, asistir a actos públicos sen a máscara preceptiva, abrazar e bicar os partidarios sen coidado ningún e cun desprezo constante da enfermidade.

"Confeso que crin contraelo hai uns meses", pero "non esperaba que isto ocorrese comigo", explicou Bolsonaro, quen cancelou a súa axenda para os próximos días e permanecerá en corentena na súa casa, aínda que aclarou que non sabe "estar parado" e seguirá despachando mediante videoconferencias. 

Esta última fin de semana, visitou o estado de Santa Catarina e ao regresar a Brasília visitou o embaixador de Estados Unidos, Todd Chapman, para celebrar o Día da Independencia dese país xunto ao chanceler brasileiro, Ernesto Araújo, e outras persoas. 

Todos posaron abrazados para fotos, sen máscaras, e mostráronse ao redor dunha mesa sen protección ningunha, o cal levou ao diplomático a someterse tamén a un test de coronavirus, segundo confirmaron fontes da embaixada estadounidense. 

A diferenza de Bolsonaro, Chapman non presentou síntomas de enfermidade, pero pasará  preventivamente por exames. 

Así mesmo, sometéronse a probas todos os ministros que estiveron co mandatario nos últimos días e a súa familia, que xa desde a semana pasada se preocupa pola saúde dunha avoa da esposa de  Bolsonaro, de 80 anos e internada con COVID-19. 

Portavoces da Presidencia confirmaron que Bolsonaro tomou desde este luns dúas doses de  cloroquina, un antipalúdico que, na súa opinión, é completamente eficaz para o tratamento do coronavirus, a pesar de que a ciencia non o comprobou e mantén moi serias dúbidas.

Este martes, o líder da ultradereita brasileira achegouse a un grupo de partidarios na porta da súa residencia oficial e revelou que tiña síntomas de gripe, pero que decidira someterse a un test para descartar que fose COVID-19. 

"Vin do hospital agora, fixen unha radiografía do pulmón e está limpo. Vou facer un exame da COVID-19 deica un pouco, pero está todo ben", declarou Bolsonaro. 

Segundo explicou este martes, ao anunciar o positivo do exame, aínda que é necesario "preocuparse co virus" tamén é necesario "coidar da economía" e retomar canto antes "sexa posible" as actividades produtivas, porque "o desemprego mata tamén".

Noticias web

07/07/2020