CRTVG

Buscar

Bolsonaro dá de novo positivo de coronavirus e seguirá en corentena

Publicado o 22/07/2020 19:55
Bolsonaro dá de novo positivo de coronavirus e seguirá en corentena

O presidente do Brasil, Jair Bolsonaro, volveu dar positivo a coronavirus dúas semanas despois de ser diagnosticado coa enfermidade, a cal chegou a cualificar de "gripiña", confirmaron este mércores fontes oficiais. O líder da ultradereita brasileira, recluído desde o pasado 7 de xullo e que a véspera cumpriu os preceptivos catorce días de confinamento, foi sometido o martes a un novo exame e confiaba en que o mesmo dese negativo para "volver á normalidade" esta mesma semana.

Con todo, tras dar positivo no novo exame, Bolsonaro continuará de corentena na súa residencia oficial de Brasilia, o Palacio da Alvorada. "O presidente Jair Bolsonaro segue con boa evolución de saúde, sendo acompañado polo seu equipo médico da Presidencia da República", sinala unha nota emitida pola Secretaría de Comunicación do Goberno na que confirma o novo resultado do test, o terceiro nas últimas dúas semanas.

Durante o seu confinamento Bolsonaro mantivo encontros a distancia con pequenos grupos que se congregan ante a súa residencia oficial, e en cada ocasión tentou mostrar que se atopa en bo estado, o que atribuíu en boa medida á cloroquina. Desde que deu positivo de coronavirus, e segundo explicou por prescrición dos médicos militares que o atenden, Bolsonaro foi tratado co polémico antipalúdico, cuxa real eficacia contra o coronavirus é posta en dúbida pola comunidade científica.

Bolsonaro, de 65 anos, é un dos mandatarios máis negacionistas fronte á gravidade da pandemia e desde o comezo criticou as medidas de illamento social impostas en maior ou menor grao polos gobernadores dos 27 estados do Brasil. A pesar da expansión do virus no país, O Brasil comezou a principios de xuño un proceso gradual de desescalada que levou á reapertura de comercios, bares e restaurantes na maior parte do país.

O Brasil é un dos dous países máis afectados no mundo pola pandemia, soamente por detrás dos Estados Unidos, e de acordo aos últimos datos oficiais xa supera as 80.100 mortes e acumula máis de 2,1 millóns de casos confirmados. 

 

Noticias web

22/07/2020