Boiro encabeza a escalada de contaxios na Barbanza
A resaca das festas privadas e os botellóns da primeira fin de semana de xullo fan que Boiro lidere a escalada de contaxios na Barbanza.
José Ramón Romero, alcalde de Boiro, di que "houbo moita xente nova na zona de ocio esa fin de semana e tiveron que intervir a Policía local e a Garda Civil en momentos puntuais, igual que sucedeu noutros concellos onde hai ocio nocturno".
"A xente con dous grolos non sabe onde vai, dígocho eu que tamén tiven 20 anos"; "Ten que ser iso, porque os maiores cumprimos con todo, aínda estando vacinados", aseguran na rúa.
Con 55 casos, Boiro rexistra a súa peor cifra desde o mes febreiro. A sombra das restricións planea aquí e nos concellos veciños da Barbanza. A primavera xa foi complicada para a hostalería na comarca e o verán comeza co pé cambiado.
"Sería un pau moi grande para os bares que xa levan un ano moi complicado";"Hostalería, comercio, todo porque se non se move a hostalería non se move o resto".
Desde o Concello piden responsabilidade, sobre todo aos mozos, onde se concentran a maioría dos contaxios.
"Fago un chamamento especial aos mozos de 12 a 30 anos, que extremen as precaucións, estamos preocupados, naturalmente", di o alcalde.
A boa nova é que non hai ingresos por covid no hospital comarcal da Barbanza. Pero cómpre non relaxarse porque a pandemia non rematou.