Boiro abre as súas fronteiras logo de case tres meses de peche
Publicado o 25/02/2021 16:54
Despois de 84 días coas máximas restricións, o concello de Boiro prepárase para a reapertura. O esforzo colectivo logrou baixar a incidencia acumulada ata os 74 casos, o que permitirá por fin saír do municipio, tomar algo nun bar ou volver ao ximnasio.
Todo un respiro para a veciñanza, o comercio e o sector hostaleiro do municipio, o primeiro que se pechou na Barbanza e un dos máis afectados pola pandemia na área sanitaria de Santiago.
A covid bateu forte en Boiro, non se librou do virus nin a corporación municipal, que agora pide prudencia para non dar pasos atrás, sobre todo na Semana Santa. Polo momento, este venres caerá o muro invisible que mantivo pechado o concello dende principios de decembro.