Bocadillos de luras no Kiosko da Coruña reideado para integración laboral
Os bocadillos que identificaron este local da Coruña volveron coa restauración do Kiosko e, polo que se ve, había ganas. En menos de vinte días despacharon mil quilos de luras entre bolos de pan.
Na súa nova época, impulsada pola asociación Down Coruña, o negocio ten un valor a maiores: "Estamos a falar dun proxecto en que empregamos 12 persoas con síndrome de Down e discapacidade e catro persoas sen discapacidade" di o presidente de Down Coruña.
A mañá que os visitamos estaban a traballar dentro, Rubén aos fogóns e Sandra atendendo os clientes e cobrando. Entre a carta de produtos, non hai dúbida sobre o de máis demanda.
"Home, claro, o bocadillo de luras. O que máis vendemos é o bocadillo de luras. A seis euros", di Sandra Varela López, que traballa na atención ao cliente e na caixa.
Alex é, canda Maika, quen este día atende os clientes en mesa. El tamén se encarga de traer produtos desde o almacén, entre outras funcións. "Gústame todo", di. En Down Coruña celebran a afluencia de público ao renovado Kiosko, que é unha realidade co apoio do Goberno municipal.
Ricardo Santos, presidente de Down Coruña afirma: "A resposta está a ser espectacular. Os rapaces integrados e funcionando case con total autonomía. A resposta do público está a ser fenomenal. Queriamos que a xente viñese non só porque somos un proxecto social, tamén pola calidade do produto e do servizo. Vemos que hai xente que repite, polo que deducimos que lles gusta".
José Ramón é un coruñés que agora rememora a experiencia dos bocatas do Kiosko cincuenta anos despois: "Con esta nova xente é unha cousa bonita. Baixo o meu punto de vista. Isto era típico na Coruña. Polos bocadillos de luras de aquí. Agora o Kiosko é máis grande e agardo que lles vaia moi ben. Todo o mundo que emprende algo, que lle vaia ben".
Para levar ou para comer aquí, volveron os bocatas do Kiosko co engadido da integración laboral.