CRTVG

Buscar

Boborás, confinado: 2.300 veciños e 19 casos activos

Publicado o 14/10/2020 20:34

É a primeira vez que o confinamento perimetral se aplica a concellos tan pequenos como O Irixo, que non chega aos 1.500 habitantes, ou Boborás, con 2.300. Quédanlles unhas horas para que entre en vigor a medida, pero esa inminencia non alterou as súas rutinas.

Con 2.300 habitantes distribuídos e 14 parroquias, a maioría dos veciños de Boborás viven en núcleos pequenos. No de Xurenzás hai unha ducia de veciños: "Aféctanos, sobre todo, na liberdade. Temos que estar máis confinados. Estamos afeitos a estar libres, a movernos dun lado para outro...".

As subministracións básicas non os preocupan. Teñen servizo ambulante de pan, carne, peixe... e en Boborás hai tenda, banco e farmacia. Tamén poden ir ao Carballiño, que está na mesma área de restrición.

"Se temos algunha urxencia, iso si que se pode facer. E co Carballiño e O Irixo...". "A min non me vai trastornar nada. Teño unha filla no Carballiño e tráeme ela as medicinas e a comida", comentan dous veciños.

Poucas horas antes da entrada en vigor das restricións de mobilidade, as rúas xa se ven baleiras: "Se non se pode saír, pois non se sae. A ver que pasa".

Unha das vertentes onde máis impacto van ter esas restricións é no turismo. O concello de Boborás está apostando firmemente por este sector, concretamente en espazos coma o conxunto histórico artístico de Pazos de Arenteiro. Aquí, algunha casa de turismo rural xa tivo que cancelar reservas.

As medidas, así e todo, non colleron por sorpresa este concello, despois de que se duplicaran os positivos en menos dunha semana.

Patricia Torres, alcaldesa de Boborás: "Entendiamos que era lóxico que se tomasen medidas para frear esta suba, sobre todo, tendo en conta a relación tan importante que hai co concello do Carballiño".

Actualmente, en Boborás hai 19 casos activos.

Noticias web

14/10/2020