CRTVG

Buscar

Boa acollida por parte da poboación dos puntos de tests de antíxenos

Publicado o 12/08/2021 15:38

Desde primeira hora en Vilagarcía, enfermeiras e enfermeiros traballan arreo realizando tests de antíxenos á poboación que se achega ata o recinto feiral de Fexdega. Os motivos dos veciños son variados, pero a finalidade a mesma, estar máis tranquilos.

"Fun de voda e mellor previr". "Tiven unha comida familiar o domingo e había xente de fóra, e por se acaso". "Seguridade para min, para a miña familia e o meu traballo e contorna", comentan os que por alí van pasando. 

Agradecen moito esta iniciativa e o feito de que sexa de balde. "Paréceme xenial e recomendo a todo o mundo vir se ten dúbidas, podes vir sen cita e é rápidisimo". "Paréceme unha bendición porque antes había que pagar, era moi custoso".

Os resultados das probas téñenas nuns 15 minutos, pódese solicitar cita previa na web do Sergas ou tamén hai opción de acudir sen cita.

Rosa María Padín, enfermeira do Sergas, aclara que "ambas as dúas formas funcionan correctamente, con cita téñeno moi doado para poder vir, é moi cómodo, e sen cita tamén teñen diversidade de horario".

A acollida nos 14 puntos permanentes instalados nos 14 distritos sanitarios está sendo boa, pero os sanitarios piden que non se baixe a garda. 

"Porque aquí é onde se ven os asintomáticos, é necesario que sigan vindo porque o bicho segue andando por aí", salienta Abal. 

Segundo os últimos datos de Sanidade, xa se realizaron preto de 14.000 tests que permitiron localizar 170 persoas con resultado positivo.

Noticias web

12/08/2021