CRTVG

Buscar

Modérase a boa acollida ás medidas do BCE na bolsa española

Publicado o 19/03/2020 12:44
Modérase a boa acollida ás medidas do BCE na bolsa española

As medidas aprobadas polo Banco Central Europeo para contrarrestar os "serios riscos" provocados polo coronavirus están a ter boa acollida nos mercados, aínda que a reacción vaise moderando a medida que avanza a xornada.

Nos primeiros compases da sesión de hoxe, a bolsa española ampliaba ganancias e subía máis dun dous e medio por cento, logo de deixar máis dun tres por cento onte. Con todo, pasado o mediodía ese alza atemperábase e aínda que continúa en positivo, non chega ao medio punto de subida.

O BCE aprobou un programa de compra de bonos de 750.000 millóns de euros para facerlle fronte á crise provocada polo coronavirus, co obxectivo de estabilizar o mercado de débeda soberana. E iso nótase no parqué: os investidores acollen de forma positiva este paquete de estímulo que prevé mercar todas as categorías de activos elixibles ata finais de ano.

Na apertura, o rendemento do bono español a dez anos cae un 30 por cento respecto a onte, ata situarse no 0,837 por cento, coa prima de risco en 119 puntos básicos, nunha xornada en que o Tesouro celebra unha poxa de medio e longo prazo.

A medida tamén impulsou o resto de prazas europeas, con París subindo preto dun catro por cento, máis dun tres por cento Milán e Frankfurt e Londres tamén en positivo.