CRTVG

Buscar

BNG e PSdeG critican a "improvisación" da Xunta e piden comparecencias periódicas de Feijóo

Publicado o 11/11/2020 12:54

Os dous grupos da oposición reclamáronlle a Núñez Feijóo transparencia e que compareza regularmente na cámara mentres dure a situación de alarma, para informar da pandemia. 

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou que a Núñez Feijóo, ante a crise pola pandemia, faltoulle "estratexia, anticipación e consensos" e dixo que a Xunta actuou con "improvisación".

Na súa réplica tras a comparecencia de Núñez Feijóo no Parlamento a petición do BNG para informar sobre a situación ante a pandemia, reclamou que o presidente galego compareza mentres dure o estado de alarma cada quince días para informar sobre a evolución e as medidas postas en marcha.

Considerou que o Goberno galego non fixo "nada" por anticiparse, nin reforzou a atención primaria, e reprochou que segue sen saberse o número de  rastrexadores que hai na comunidade, mentres que o "gran anuncio" da comparecencia de Núñez Feijóo é que a cidadanía "se rastrexe a si mesma", a través dun sistema de  autodeclaración por internet.

Na súa intervención, a líder da oposición tamén lle reprochou a Feijóo que o seu Goberno "non fixese nada" para mudar a situación da residencia de Salvaterra intervida pola Xunta hai 14 días, onde se denuncia unha situación de abandono grave dos anciáns.

Tras estas críticas, Pontón manifestou que volve ter "a man tendida" á Xunta para facer "política con maiúsculas" e expuxo un decálogo de medidas que inclúe un plan de reforzo sanitario, a intervención das residencias de maiores e unha "estratexia de país" para reclamar para Galicia os fondos europeos que necesita.

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, tamén reclamou que compareza "regularmente" no Parlamento para explicar a situación e as medidas que se adoptan ante a pandemia, así como "dialogar" e "compartir a folla de traballo" para saír da crise.

Ao seu xuízo, a xestión de Núñez Feijóo caracterizouse pola "improvisación, a  inconsistencia e a viraxe na súa maneira de entender a segunda onda", por dedicarse durante a primeira onda a pedir a descentralización ás comunidades autónomas e agora a criticar o estado de alarma que sitúa os presidentes autonómicos como autoridades competentes.

Acusou a Núñez Feijóo de estar "fóra de xogo" e "centrado na súa oposición ao Goberno polo estado e alarma" en lugar de preparar a Xunta para afrontar esta segunda onda da pandemia e "traballa para salvar ao PP no canto de para axudar á cidadanía".

Ademais, criticou a falta de  rastrexadores e que non se estableceron axudas tras o peche da hostalaría, do mesmo xeito que fixo a portavoz do BNG, e reclamou un "acordo de país" para reclamar os fondos europeos.