CRTVG

Buscar

Desprazan 10 metros a popa do Blue Star no primeiro intento de remolque

Publicado o 10/12/2019 10:24

En principio, as condicións do mar eran as óptimas para tratar de reflotar o Blue Star co aviso laranxa activado por ondas de ata sete metros, pero finalmente aquí, no interior da ría de Ares, as ondas apenas acadaron os tres metros no momento da preamar das dúas da tarde polo que o intento por rescatar o buque finalmente rematou sen éxito. Aínda así, si se logrou desprazalo un 10º cara a babor. A estas horas aquí permanecen os remolcadores do operativo de rescate que dirixe a empresa Smit, contratada pola navieira do Blue Star, para realizar un segundo intento coincidindo coa próxima preamar das dúas e media da madrugada. 

Desde primeira hora deste luns os remolcadores Union Princess e Boka Pegasus, apoiados polo buque de Salvamento Marítimo Don Inda, iniciaban os traballos dentro do plan de rescate deseñado pola empresa Smit contratada pola navieira do Blue Star para tratar de reflotalo.

As condicións previstas eran as óptimas cun aviso laranxa en toda a costa coruñesa con ondas de ata 7 metros. O primeiro intento realizouse ás dúas da tarde coincidindo coa preamar. Consistiu nunha operación de arrastre desde a zona de babor e de popa do buque embarrancado, enganchado por estachas aos remolcadores. Pero malia que as estachas soportaron o peso do Blue Star, finalmente as condicións do mar non foron as mellores para rematar con éxito o operativo.

As ondas de entre 2 e 3 metros rexistradas no interior da ría de Ares foron insuficientes para reflotar o buque que si logrou moverse uns 10º cara babor. Un movemento que, segundo confirmou o alcalde de Ares, Julio Iglesias, permite ser optimistas.

Segundo informou a Delegación do Goberno en Galicia, está previsto que se intente reflotar o Blue Star de novo contra as dúas e media da madrugada, coincidindo coa próxima preamar.

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/12/2019