CRTVG

Buscar

Italia di que os lotes de AstraZeneca almacenados en Anagni ían para Bélxica

Publicado o 24/03/2021 15:47

Os lotes da vacina de AstraZeneca almacenados nunha planta da farmacéutica Catalent en Anagni, preto de Roma, ían destinados a Bélxica e non ao Reino Unido como informou o diario La Stampa, segundo fontes do Goberno italiano.

"O sábado, a Comisión Europea pediulle ao presidente do Goberno que verificase algúns lotes de vacinas que se atopaban nesa factoría", aseguraron as mesmas fontes. Engaden, ademais, que o primeiro ministro italiano, Mario Draghi, informou ao titular de Sanidade, quen ordenou unha inspección na que se concluíu que os lotes tiñan como destino Bélxica.

Segundo a versión do xornal italiano, na citada planta topáronse bloqueadas un total de 29 millóns de doses da vacina de AstraZeneca polas que estarían a competir Bruxelas e Londres.

Para a Unión Europea, esta subministración equivalería ao dobre das doses recibidas ata o de agora da empresa anglosueca, que ascende aos 16,6 millóns de unidades. Para o Reino Unido, estas vacinas son "imprescindibles para garantir a segunda dose a case quince millóns persoas".

Visita do comisario Thierry Breton

O bloqueo desta impresionante cifra de vacinas descubriuse, dacordo co rotativo, grazas á visita do comisario europeo de Mercado Interior, Thierry Breton, á planta de Leiden, nos Países Baixos, xetionada por Halix. Esta é unha das dúas plantas que usa a empresa farmacéutica para producir o medicamento na UE (a outra está en Seneffe, Bélxica).

O problema é que a planta de Halix non obtivo aínda a autorización da Axencia Europea do Medicamento (EMA), polo que sen o seu visto e prace, as doses non se poden entregar aos países comunitarios. Porén, non é aplicable ao Reino Unido que, de feito, nos últimos meses do pasado ano tería importado as vacinas producidas na fábrica holandesa.

Ante a falta dunha resposta concreta ás preguntas de Breton sobre o que se facía coas doses producidas nesa fábrica, iniciáronse as investigacións que levaron á planta italiana. "Foi nese momento no que o comisario francés comezou a sospeitar e inmediatamente informou da situación ás autoridades italianas, que fixeron inspeccións na planta de Catalent en Anagni, usada por AstraZeneca para o enchido e acabado de cada frasco", explica o xornal de Turín.

O primeiro informe enviado a Bruxelas, engade La Stampa, di que nos frigoríficos dos almacéns desta localidade da rexión do Lacio hai 29 millóns de doses da vacina. Fontes da UE explicaron ao diario que probablemente non todas foran producidas por Halix. Porén, confirman que están preparadas para seren inxectadas e a farmacéutica pretendía envialas ao Reino Unido e non aos países da Unión Europea.