CRTVG

Buscar

Black Friday: colas dende antes de abrir as tendas

Publicado o 29/11/2019 15:14

Non eran aínda as dez da mañá e xa había xente esperando na porta. Así, coma quen non quere a cousa.

"Cadrou, simplemente. Deixei os nenos no colexio e decidín vir para Santiago. E, de feito, cheguei de primeiro, e despois empezou a chegar todo o mundo e dixen: aquí ten que haber algo".

E veña todos para adentro así que abren as portas, que non lles daban chegado as dez en punto.

"Vimos Black Friday. Rebaixas. E viñemos. E xa está".

Vén sendo comprar sobre todo tecnoloxía, e, despois, moda. A Vilagarcía peonil era un fervedoiro de clientes, un bombardeo de escaparates con mensaxe unánime.

"Están os carteis, pero está moi ben, porque non é só que haxa rebaixas, tamén te xuntas con amigos e hai un aire coma de festivo".

Será o día do ano en que máis compras se fan por Internet, pero a rúa non escapa ao engado deste costume importado.

"Venres Negro: moito gasto, aproveitando as compras do Nadal...".

Aproveitando que hai algo así como permiso para consumir.

"Algo de roupa comprei que igual non me facía falta. Pero, vaia, sempre picas".

Un impulso de comprar que suscita opinións enfrontadas.

"Entendo que é fomentar o consumismo, pero por outro lado compramos, así que...".
"De que serve ter un armario cheo de roupa se saímos á rúa e non podemos respirar?".

O aire destes tempos parece facernos pensar e comprar, e non necesariamente por esta orde.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

29/11/2019