CRTVG

Buscar

Black Eyed Peas, Iggy Pop e David Guetta encabezan o cartel de 'O Son do Camiño'

Publicado o 22/02/2019 21:31

Black Eyed Peas, Iggy Pop, David Guetta ou Rosalía. Son algúns dos cabezas de cartel que acudirán este ano ao Monte do Gozo entre case 40 artistas, dos cales a cuarta parte son bandas galegas. Un cartel que se presentou esta tarde para un festival que busca posicionarse como dos mellores de Europa en canto a calidade e prezo, e que pretende promocionar Galicia alén das nosas fronteiras.

Descuberto o cartel do festival do Son do Camiño, un evento que chegou para quedar. 37 novos artistas que acudirán ao Monte do Gozo entre o 13 o e 15 de xuño nunha cita musical que pretende tamén ser unha ventá aberta ao turismo e ao Xacobeo 2021. O ano pasado o retorno económico foi de 12 millóns de euros.

Un cartel ecléctico e para gustar a todos os públicos. Desde os estadounidenses Black Eyed Peas, con 25 anos de carreira ás súas costas marcada polo hip hop/pop aos surafricanos Die Antwoord pasando por clásicos do rock incombustibles, como Iggy Pop, tamén The hives ou Block Party.

A música galega representa o 25 por cento de toda a oferta musical. Desde Familia Camagno pasando por Igloo ou Baiuca e chegando ata un dos nosos estandartes, Iván Ferreiro. 

Pero hai máis sorpresas, como a artista do momento, Rosalía, ou o que foi unha revolución na música electrónica, David Guetta.

O ano pasado colgouse a medalla de festival revelación e foi o primeiro evento español destas características en esgotar os abonos en pouco máis de 2 horas. Este 27 de febrero sairán á venda, e desde a organización aconsellan mercalas só nos puntos de venda oficiais. En menos de catro meses, preto de cen mil persoas volverán marcar o ritmo no emblemático Monte do Gozo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

22/02/2019