CRTVG

Buscar

Biopsia líquida, a base da oncoloxía de precisión

Publicado o 24/01/2020 15:14

• Expertos de todo o mundo analizan en Santiago os avances nesta técnica

Os mellores especialistas do mundo en biopsia líquida están estes días en Compostela. Asisten á quinta edición do Simposio de Biopsia Líquida, que inaugurou hoxe o conselleiro de Sanidade. Trátase dun evento consolidado e de referencia internacional que organiza o Grupo de Oncoloxía Médica Translacional do Hospital Clínico Universitario de Santiago. O simposio analizará a aplicación desta revolucionaria técnica na loita contra o cancro.

A biopsia líquida esta a marcar o camiño da denominada oncoloxía de precisión. Permite seguir os tumores en tempo real e coñecer as alteracións xenéticas e moleculares que informan sobre a evolución da enfermidade. Son datos fundamentais para ir achando tratamentos diana, especificamente deseñados para os distintos tipos de cancro.

Un exemplo é o cancro de mama HER positivo, o habitual nas mulleres máis novas: era o máis mortífero hai 15 anos e hoxe é o que ten mellor prognóstico de curación. E o salto veu do descubrimento dun anticorpo específico.

Os coñecidos popularmente como tratamentos diana son o fin último da oncoloxía de precisión, que centra as súas investigacións nas posibilidades que ofrece a biopsia líquida.

"Eu moitas veces poño o exemplo bélico, que non é bo; pero se ti queres coñecer algo, tes que coñecer como está e onde está. E isto é o que nos vai permitir a biopsia líquida", explica Rafael López, o xefe de oncoloxía do CHUS.

Dunha mostra de sangue, líquido pleural, cefalorraquídeo ou outro fluído humano poden obter datos sobre as células (tumorais circulantes) que producen a metástase, e información esencial para determinar biomarcadores (a través do estudo dos exosomas); tamén contrastar un ADN tumoral cun san.

"En poucos anos ímoslle facer a moitos pacientes varias determinacións de NGS (de secuenciación masiva moderna do xenoma) ao longo da súa enfermidade", asegura o oncólogo.

Axiña este tipo de procedemento será máis barato, haberá máis capacidade para procesar informaticamente os datos e teremos novos medicamentos que abren un futuro esperanzador para o tratamento do cancro.

 

 

 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

24/01/2020