CRTVG

Buscar

BioNTech subministraralle á UE 75 millóns de doses máis da súa vacina no segundo trimestre deste ano

Publicado o 01/02/2021 15:42
BioNTech subministraralle á UE 75 millóns de doses máis da súa vacina no segundo trimestre deste ano

A empresa alemá BioNTech anunciou este luns que fornecerá a UE de 75 millóns de doses da súa vacina no segundo trimestre tras optimizar os seus procesos de produción.

"Seguimos traballando para aumentar as subministracións a partir do 15 de febreiro para alcanzar o número de dose fixado nos contratos", dixo o director financeiro da compañía, Sierk Poetting, nun comunicado.

"Ademais, no segundo trimestre poderemos fornecer de 75 millóns de doses máis a UE", agregou.
Esa subministración forma parte do segundo pedido da UE, de 200 millóns de doses, que se esperaba para máis tarde.

O anuncio de BioNTech prodúcese case inmediatamente antes dun cumio de vacinación convocado polo Goberno alemán, con representantes das farmacéuticas e da UE.

A UE fora branco de críticas por facer os pedidos de vacina demasiado tarde e en cantidades non suficientes ás diversas empresas.

Ademais, os produtores das tres vacinas xa autorizadas -BioNTech/Pfizer, Moderna e AstraZeneca- tiveron problemas de produción que atrasaron as súas subministracións á UE, o que tamén xerou debate.

BioNTech poderá agora aumentar a súa produción, segundo Poetting, debido a que se acabaron os traballos de optimización na fábrica belga de Purus. "Agora, con iso poderemos volver ao plan orixinal de subministración de vacinas á UE", dixo Poetting.

Ademais, a nova fábrica en Marburg (no centro de Alemaña) recibiu a licenza coa que poderá empezar a producir en febreiro.

Un terceiro compoñente é que BioNTech aumentou a súa rede de cooperacións en Europa.
BioNTech contempla mesmo elevar case ao dobre a súa produción de vacinas para a demanda mundial e producir este ano 2.000 millóns de doses fronte aos 1.300 millóns contemplados inicialmente.