Bioética avala que os vacinados con AstraZeneca poidan elixir a segunda dose, pero aposta pola marca británica
Menores de 60 anos vacinados con AstraZeneca, entre eles moitos traballadores esenciais: suman un millón e medio e enfóntanse a unha novidade electiva, xa que poderán escoller entre dúas marcas na segunda dose. Para a Asociación Española de Bioética e Ética Médica o importante é que a vacinación non se deteña e que prime o concepto de saúde colectiva e o ben común.
Avalan a decisión de poder elixir, pero mellor repetir coa vacina de Oxford: "Nós o que dicimos é: se se pode vacinar con AstraZeneca, que lle dean a oportunidade de facelo. Que non hai na súa comunidade AstraZeneca, acabáronse as existencias e non as de Pfizer, póñaa, que é mellor que non poñela", explica Carmen de la Fuente, vicepresidenta da Asociación Española de Bioética.
Esta médica sinala que a Axencia Europea do Medicamento recoñece que a segunda dose de AstraZeneca é perfectamente administrable e eficaz, pero que hai moita xente con pánico a esta vacina por influencia mediática: "Simplemente con nomear AstraZeneca vénlle á cabeza o trombo. Temos xa un estudo feito en realidade, que é o dos millóns de británicos inmunizados con AstraZeneca e vemos que a incidencia foi mínima. Entre millóns, dezaoito casos".
De todas formas, a Asociación Española de Bioética salienta que as dúas posibilidades son eficaces e que non se debe engadir máis incerteza a este proceso. Agora chega o momento da decisión individual por unha ou outra vacina.