CRTVG

Buscar

Bimba y Lola realizará 15 despedimentos no seu centro de Mos e non renovará tres contratos temporais

Publicado o 16/07/2020 19:25
Bimba y Lola realizará 15 despedimentos no seu centro de Mos e non renovará tres contratos temporais

A empresa de moda Bimba y Lola despedirá a 15 traballadores da área de oficinas do seu centro de Mos, que conta con máis de 300 empregados, e non renovará os contratos temporais doutras tres persoas que exercían os seus labores nas mesmas. Fontes da empresa confirmaron este xoves que as persoas afectadas por esta medida representan "entre o 4% e o 5% dos empregados de oficinas" do centro de Puxeiros.

Neste sentido, as mesmas fontes destacaron o "axuste moderado" do cadro que supón esta decisión e remarcaron que se adoptou dado que "a carga de traballo diminuíu moito" recentemente. Así, explicaron que os labores de "moitos" postos de traballo "quedaron baleiros de contido, como a organización de viaxes", polo que se busca adaptar o volume do persoal a esta situación.

Así mesmo, recalcaron que a empresa "está centrada en recuperar a total actividade e volver á normalidade" tras a crise sanitaria e lamentou que un sindicato trasladase estes despedimentos xa que "buscaba comunicar aos afectados" esta medida antes de que se fixese pública. Esta decisión transcendeu un día despois da finalización da aplicación do Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) na empresa, que permanecía en vigor desde facía case catro meses.

Pola súa banda, fontes de Comisiones Obreiras (CCOO) indicaron que este sindicato presentou unha denuncia ante a Inspección de Traballo e Seguridade Social (ITSS) co obxectivo de que se controle a situación da empresa. De feito, aseguraron que Bimba y Lola busca contratar novas persoas á vez que efectúa despedimentos, así como que os empregados "traballan ata dez horas ao día" que "non se lles abonan nin devolven". Así mesmo, as mesmas fontes sindicais sostiveron que o volume total de persoas ás que se lles rescindirá o contrato ascende a 27.

Apuntaron que parte destos empregados con idades próximas aos 61 anos alcanzaron un acordo para finalizar a súa vinculación coa empresa, polo que esta non as contabilizou como despedidas. Ademais, afirmaron que dentro de tres meses rescindiranse novos contratos e achacaron o feito de que os despedimentos se realicen de xeito graduado a que a empresa busca evitar un ERE, o que levaría unha negociación cos sindicatos.

Ante esta situación, CCOO celebrará unha asemblea con empregados do centro de Mos para informalos sobre a situación actual. Mediante un comunicado, o sindicato rexeitou esta decisión, que, na súa opinión, "confirma a política do medo que fomenta a compañía". Así, esixiu que Bimba y Lola "depoña a súa actitude" e "readmita ás persoas despedidas", cuxos contratos denunciou que se rescindiron "sen ningunha causa que acredite unha medida de tal envergadura".