CRTVG

Buscar

Biden xustifica a saída de Afganistán: "A única opción para evitar a escalada militar"

Publicado o 01/09/2021 08:40

Discurso ante a nación de Joe Biden para xustificar a saída precipitada de Afganistán: "Creo que é a decisión correcta. A mellor decisión para América".

Asegurou que rematar a guerra máis longa da historia de Estados Unidos foi un dos compromisos cando se presentou a presidente. "Cando pelexaba pola presidencia prometinlles aos americanos que acabaría esta guerra. Hoxe cumprín ese compromiso", asegurou. 


Explicou que só había unha opción: saír de Afganistán ou unha escalada militar. Que a decisión da retirada foi por recomendación dos altos mandos militares e que significa o final do intervencionismo militar estadounidense noutros países. "Non é só Afganistán. É rematar unha era de grandes operacións militares para refacer outros países", dixo Biden.

Mentres os republicanos lle piden que dimita por deixar americanos atrás, Biden asegurou que non abandonará ás persoas que queiran saír ou estean en risco. Calculou que quedarán entre cen e douscentos estadounidenses en solo afgá.

E rematou o seu discurso advertindo ao Estado Islámico que traballará para garantir que Afganistán non volva ser usado como plataforma para lanzar un ataque sobre Estados Unidos.

Mentres, nas rúas de Kabul, os talibáns continúan celebrando a retirada das tropas estranxeiras.
Tras a saída do último avión norteamericano, os talibáns tomaban o control do aeroporto internacional, a última base estadounidense tras vinte anos de guerra.

Cos militares marcharon tamén os medios de comunicación internacionais e nese apagamento informativo só se emite o que o novo réxime lle interesa. Isto emitiuse estes días nunha cadea de televisión afgá: un presentador rodeado de talibáns armados con fusís de asalto pedíndolle á audiencia que non teña medo deles.

 

Noticias web

01/09/2021