CRTVG

Buscar

Biden urxe o Congreso a prohibir as armas de asalto tras o tiroteo de Colorado

Publicado o 23/03/2021 19:02

O presidente estadounidense, Joe Biden, pediu este martes ao Congreso que aprobe "inmediatamente" medidas para reforzar o control de armas en Estados Unidos, incluída a prohibición de todas as armas de asalto. "Podemos salvar vidas" co control de armas, dixo Biden nunha declaración desde a Casa Branca sobre o tiroteo que este luns deixou dez mortos nun supermercado de Boulder (Colorado).

Biden dixo que, aínda que se descoñecen os detalles exactos sobre os motivos do sospeitoso e o tipo de armas que usou, non quería "esperar outro minuto, nin outra hora, para dar pasos que son de sentido común e que salvarán vidas no futuro".

"Urxo os meus colegas na Cámara de Representantes e no Senado a que actúen. Podemos prohibir de novo as armas de asalto e os cargadores de munición de gran capacidade neste país", subliñou o mandatario.

Os Estados Unidos aprobou en 1994 un veto federal ás armas de asalto que, en palabras de Biden, "fixo que baixaran os asasinatos masivos", pero en 2004 expirou sen que o Congreso o renovase.

O debate sobre o control de armas reactívase periodicamente nos Estados Unidos cando hai tiroteos masivos, pero a Asociación Nacional do Rifle (NRA, en inglés) e os seus poderosos aliados no Congreso impediron que se aproben medidas de calado respecto diso nos últimos anos.


 

 

Noticias web

23/03/2021