Biden tropeza varias veces cando subía as escaleiras do avión presidencial
O presidente estadounidense, Joe Biden, tropezou este venres tres veces ao subir as escaleiras do avión presidencial, o Air Force One, que o leva de visita á cidade de Atlanta. Como mostraron as imaxes da súa partida, Biden perdeu o equilibrio unha primeira vez cando subía as escaleiras agarrado coa man dereita á varanda, e non chegou a caerse, pero si tivo que apoiar a outra man no chan. Despois, volveu tropezar outras dúas veces seguidas, e na última delas acabou caendo dun lado, aínda que se reincorporou inmediatamente.
Tras o pequeno contratempo, o mandatario estadounidense subiu rapidamente ata o final da escaleira e deuse a volta para facer o saúdo militar antes de entrar no avión. No equipo de Biden restaron importancia aos tropezos. O presidente "está ben ao cento por cento", dixo aos xornalistas a bordo do avión Karine Jean-Pierre, subsecretaria de prensa da Casa Branca, quen subliñou o vento que facía este mediodía na base da forza aérea de Andrews ( Maryland), de onde parte habitualmente o Air Force One. "Case caio eu mesma ao subir as escaleiras", apuntou esta portavoz, quen destacou unha vez máis que o presidente está ben despois do tropezo.
O mandatario de Estados Unidos e a vicepresidenta, Kamala Harris, viaxan a Atlanta para reunirse con estadounidenses de orixe asiática, tres días despois dos tiroteos que deixaron oito mortos en salóns de masaxes asiáticas desa cidade