Biden promete 100 millóns de doses de vacina nos seus primeiros 100 días
O presidente electo dos Estados Unidos, Joe Biden, prometeu este martes que se administrarán 100 millóns de doses da vacina contra a covid−19 durante os seus primeiros 100 días na Casa Branca.
O mandatario electo fixo este anuncio durante a presentación dos seus elixidos para ocuparen postos clave de Sanidade na Casa Branca: "Este equipo axudará a poñer como mínimo 100 millóns de vacinas contra a covid−19 nos brazos dos estadounidenses", dixo Biden nun acto en Wilmington (Delaware), onde reside, en que estivo acompañado por algúns dos nomeados.
A administración de 100 millóns de doses de vacina é o segundo punto do plan para combater a pandemia durante os seus primeiros 100 días na Casa Branca, que Biden delineou durante o evento. Sobre ese plan o mandatario electo, que será investido o 20 de xaneiro, sinalou que o país non vai saír pronto da pandemia, que levará un tempo: "Aínda así, estou absolutamente convencido de que podemos cambiar en 100 días o curso da enfermidade e cambiar a mellor a vida dos EUA.", subliñou.
O primeiro punto do plan será ordenar o uso obrigatorio de máscara facial, algo que adiantou a semana pasada nunha entrevista coa cadea CNN. "Todo o mundo durante os primeiros 100 días da miña administración terá que levar máscara. Comezará coa miña firma dunha orde o día 1 que requirirá a máscara, onde se poida, baixo a lei, como edificios federais e viaxes interestatais en avións, trens e autobuses", enumerou. "Tamén traballarei cos gobernadores e alcaldes para facer o mesmo nos estados e cos seus cidadáns —agregou—. Imos requirir (o uso de) máscara onde sexa posible, pero isto vai máis aló da acción do Goberno" federal.
O terceiro e último punto do plan será a volta presencial dos estudantes aos colexios. "Debería ser unha prioridade nacional que os nosos nenos volvan á escola e que se manteñan nela", opinou o presidente electo. Doutra banda, Biden criticou sen nomear explicitamente o mandatario saínte, Donald Trump, cando mencionou os esforzos do seu Goberno para terminar coa Lei de Coidado Alcanzable (ACA, en inglés), coñecida popularmente como Obamacare. "A atención sanitaria é un dereito para todos, non un privilexio para uns poucos", afirmou Biden, quen destacou que mentres que o país excedeu os 15 millóns de contaxios e os 285.000 falecidos pola covid−19 "a Administración saínte está a pedir ao Tribunal Supremo que revogue toda a Lei de Coidado Alcanzable", xusto cando máis se necesita.
Biden pronunciou estas palabras durante a presentación formal dos seus nomeados para ocuparen postos clave de Sanidade, entre os que destacan o actual fiscal xeral de California Xavier Becerra e o epidemiólogo Anthony Fauci. Becerra, de orixe mexicana e elixida para liderar o Departamento de Saúde e de Servizos Humanos (HHS, en inglés), interveu no acto deste martes por videoconferencia desde California. "Ninguén, ninguén debería morrer só nunha cama de hospital, cos seres queridos obrigados a permanecer lonxe", apuntou Becerra, á vez que lembrou o falecemento hai un ano do seu pai, Manuel, rodeado polos seus na casa.