Biden prepara un plan de choque fronte a covid-19 antes de acometer o xiro político dos EUA
Primeiro día laborable tras o resultado electoral nos Estados Unidos, recibido con subas nos mercados financeiros de todo o mundo. E primeiro día de traballo para a candidatura gañadora, que quere comezar a reverter canto antes o legado de Donald Trump.
O que vai ser o segundo presidente católico dos Estados Unidos tras JF Kennedy visitou as tumbas dos seus dous fillos e pasou o domingo en familia antes de abordar as que van ser as prioridades do seu goberno: a economía, a loita contra o cambio climático e contra o racismo, e sobre todo, a batalla fronte á covid-19.
Hoxe mesmo Joe Biden vai presentar o grupo de doce expertos que traballarán nun plan para frear a pandemia, que xa suma dez millóns de contaxiados nos Estados Unidos. Expertos sanitarios, profesores universitarios e científicos de renome van estudar medidas como o uso obrigatorio da máscara e o aumento de probas e rastrexos.
Os demócratas queren ter todo preparado para a remuda, prevista para o 20 de xaneiro. Pero Donald Trump semella que non vai facilitar o traspaso de poderes e mantén a batalla xudicial contra o escrutinio. Con todo, varias fontes apuntan que o círculo próximo ao presidente en funcións, como a súa muller e o seu xenro e asesor, lle piden que recoñeza a vitoria de Joe Biden. Como o fixo George Bush: o expresidente republicano felicitou o gañador e dixo de Biden que, malia as diferenzas ideolóxicas, é "un bo home que gañou esta oportunidade".