Biden mantén que rematará a evacuación de Afganistán o 31 de agosto, malia a presión dos seus aliados
Contra atrás para as evacuacións en Afganistán. Os Estados Unidos ceden á presión talibán e o día 31 as tropas deben abandonar o país. O presidente Biden explicou na reunión do G7 que cada día que pasa aumenta o risco de atentado. Cunha situación cada vez máis caótica no aeroporto de Cabul, os talibáns endurecen os controis e pedíronlle aos afgáns que abandonen os exteriores do aeródromo.
"Acordamos que imos seguir cooperando para sacar a maior cantidade de persoas posible e esperamos concluír antes do 31 de agosto". Joe Biden non cede nin ás presións internas, nin ás críticas nin ás peticións dos aliados. Alega razóns de seguridade para a retirada definitiva.
"Canto antes poidamos acabar, mellor: cada día de evacuación máis implica máis risco para as nosas tropas", dixo o presidente dos EUA.
Di Biden que acabar a operación para evacuar os miles de estranxeiros e afgáns en situación vulnerable que aínda quedan en Afganistán depende de que os talibáns sigan colaborando. Pediulle ao Pentágono que prepare alternativas para axustar o calendario, se fose necesario.
Foi no único en que se puxeron de acordo os líderes dos sete países máis ricos do mundo, o G7, reunidos telematicamente: en solicitarlle diplomaticamente aos talibáns que garantan as saídas seguras despois do 1 de setembro.
Pero os talibáns manteñen férrea a súa decisión: non permitirán máis saídas do aeroporto de Cabul a partir do mércores que vén. Na súa segunda conferencia de prensa nunha semana, prohíbenlles aos afgáns o acceso ao aeródromo porque aseguran que non poden garantir a súa seguridade polas multitudes e pídenlles que vaian para as súas casas. Din que non vai haber represalias contra os que quixeron fuxir. O voceiro talibán acusou os Estados Unidos de alentar a fuga de cerebros e pediulles aos funcionarios que volvan ao traballo.
Tras admitir a imposibilidade de completar as evacuacións, os aliados ofrécenlles diñeiro aos talibáns a cambio de que permitan as saídas seguras e respecten os dereitos das mulleres e das minorías.
A chanceler alemá Angela Merkel anunciou a mobilización de 600 millóns de euros en axudas para Afganistán, cen deles en axudas directas e inmediatas para paliar a crise humanitaria. Tamén anunciou que Alemaña está disposta a cooperar cos países veciños, como Paquistán e Irán, para a acollida de refuxiados.
Os presidentes da Comisión Europea e do Consello Europeo, que tamén participaron na reunión do G7, anunciaron que a UE supeditará a súa relación co país centroasiático, e as axudas, á apertura de corredores humanitarios que permitan a saída de persoas en risco baixo o réxime talibán, sobre todo, mulleres e nenos.