CRTVG

Buscar

Joe Biden estrea mandato cun ambicioso plan contra a propagación da covid−19

Publicado o 22/01/2021 09:12

Un esforzo de guerra para frear o avance do coronavirus nos Estados Unidos é o que promete Joe Biden no seu segundo día na Casa Branca, despois de asinar a estratexia contra a covid−19 no país onde xa causou máis de 400.000 mortes.

Joe Biden: "Chegaremos aos 500.000 mortos o mes que vén, os casos seguirán subindo"

Biden Recoñeceu que levará meses reverter a situación e na súa administración lamentan que o plan herdado é moito peor do que agardaban. Este plan novo non supón que o Estado federal asuma a xestión da pandemia, pero representa unha ruptura co Goberno de Trump. Agora prometen inxectar cen millóns de doses da vacina nos primeiros cen días que estean no poder.

"Moveremos ceo e terra para vacinar máis xente de balde, crear máis centros de vacinación, mobilizar equipos médicos, aumentar a subministración de vacinas e distribuílas" 

Biden tamen asinou este xoves que quen queira entrar por avión nos Estados Unidos deberá achegar unha proba de covid−19 antes de voar e gardar unha corentena ao chegar, xa dende o 26 de xaneiro.

Joe Biden: "Outro dos nosos retos a cen días é pedir aos americanos que poñan a máscara"

E xeneralizar a máscara, que deberá usarse nos medios de transporte colectivo: avións, trens, barcos e autobuses de media e longa distancia. Corrixir faltas de subministración de material, abordar as desigualdades que fan que as minorías sufran máis a doenza. O éxito desta nova estratexia de Joe Biden dependerá tamén de se o Congreso lle aproba un paquete de axudas públicas de 1,9 billóns de dólares, que inclúe fondos para combater a pandemia.

Noticias web

22/01/2021