Biden dicía que a democracia do país "está baixo un asalto sen precedentes", unha "insurrección" que "roza a sedición, e debe acabar agora", despois da irrupción no Congreso de centos de seguidores do mandatario Donald Trump.
Biden, que chegará ao poder o 20 de xaneiro, falou unhas dúas horas despois de que os seguidores de Trump entrasen á forza no Capitolio e causasen desfeitas, ademais de protagonizar enfrontamentos coas forzas de seguridade.
"Serei moi claro: as escenas de caos no Capitolio non reflicten aos Estados Unidos reais, non representan o que somos. O que estamos a ver é un pequeno número de extremistas dedicados á ilegalidade", subliñou o presidente electo. "Isto non é disenso, isto é desorde, é caos, roza a sedición, e debe acabar, agora. Pido a esta turba que se retire e permita que siga adiante o traballo da democracia", engadiu.
Líderes mundiais piden unha transición ordenada
Tras o estupor e a preocupación coa que seguiron o asalto ao Capitolio por parte de seguidores do presidente estadounidense, Donald Trump, líderes de todo o mundo apelaron á calma e a unha transición de poder ordenada nos Estados Unidos.
Desde o Reino Unido, o principal aliado dos EUA en Europa, o primeiro ministro británico, Boris Johnson, cualificou de "vergoñentas escenas" as que puideron verse durante o asalto ao Capitolio e reclamou un traspaso "pacífico e ordenado do poder" nese país.
Os líderes das institucións da Unión Europea (UE) expresaron a súa preocupación e conmoción e confiaron en que Estados Unidos asegure que se respectan as regras da democracia e o traspaso pacífico de poder.
"O Congreso de Estados Unidos é un templo da democracia. Presenciar as escenas desta noite (mércores) en Washington D.C. é unha conmoción. Confiamos en que Estados Unidos asegure un traspaso pacífico de poder a Joe Biden", expresou o presidente do Consello Europeo, Charles Michel.
Tamén a presidenta da Comisión Europea, Ursula von der Leyen, se referiu "á forza das institucións e democracia estadounidenses", en cuxo núcleo está "unha transición pacífica do poder", e recalcou que Biden "gañou as eleccións".
"Débese respectar o resultado desta elección democrática", sinalou pola súa banda o secretario xeral da OTAN, Jens Stoltenberg.
Desde O Canadá, o primeiro ministro, Justin Trudeau, sinalou que os seus compatriotas "están gravemente preocupados e entristecidos" polo ocorrido e subliñou que "a violencia nunca triunfará ao anular a vontade do pobo".
Na mesma liña, o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, mostrou a súa confianza "na fortaleza da democracia dos EUA" e apuntou que, coa nova presidencia de Joe Biden, o país "superará a etapa de crispación unindo ao pobo estadounidense".
Para o xefe do Goberno italiano, Giuseppe Conte, "a violencia é incompatible co exercicio dos dereitos políticos e as liberdades democráticas".
Condena unánime en América tamén, mesmo en Venezuela, onde o Executivo de Nicolás Maduro, expresou que "con este lamentable episodio, Estados Unidos padece o mesmo que xeraron noutros países coas súas políticas de agresión".