Biden evita a saída da OMS dos EUA, que tamén regresan ao Acordo de París
• O novo presidente asina as súas primeiras ordes executivas ao pouco de entrar na Casa Branca
• Biden, tras xurar o cargo: "A democracia prevaleceu"
• Trump, no seu adeus: "Estaremos de volta dalgún modo"
• Os retos de Biden: unir o país e frear a pandemia
O presidente estadounidense, Joe Biden, asinou este mércores unha orde executiva para devolver os EUA ao Acordo de París. O xesto pretende devolver a Washington ao liderado na loita contra o cambio climático e serve para cumprir unha das súas principais promesas electorais.
A orde executiva asinada por Biden o seu primeiro día como presidente converte os EUA de novo en signatario do Acordo de París, do que se retirou oficialmente o 4 de novembro do ano pasado, só un día despois das eleccións e despois de que o xa expresidente Donald Trump anunciara a saída de Washington en xuño de 2017.
Tamén asinou este mércores unha orde executiva para evitar a saída do seu país da Organización Mundial da Saúde (OMS). O proceso iniciouno o seu antecesor Donald Trump, e estaba previsto que se fixese efectivo en xullo de 2021. Un dos primeiros actos de Biden como presidente foi deter o proceso que Trump arrincou oficialmente en xullo do ano pasado para sacar a Washington da OMS, organismo que tamén deixou de axudar economicamente, o cal supuxo un gran contratempo, porque os EUA eran o seu maior doante.
Biden afirmou que o seu antecesor, Donald Trump, lle deixou "unha carta moi xenerosa" antes de abandonar a Casa Branca, pero decidiu non revelar o contido por respecto ao que fora o seu adversario nas eleccións. En declaracións á prensa no Despacho Oval, Biden afirmou que non falará do contido da misiva ata que converse sobre iso con Trump, que non asistiu hoxe á súa cerimonia de investidura.
A entrada de Biden e Harris na Casa Branca
Joe Biden entrou por primeira vez oficialmente na Casa Branca pouco despois do xuramento do cargo. Debido a cuestións de seguridade e á pandemia do coronavirus, o habitual desfile quedou restrinxido a apenas un centenar de metros preto da Casa Branca, e Biden camiñou os últimos xunto á súa familia para entrar a pé na residencial presidencial. Minutos despois, tamén camiñando, fíxoo Kamala Harris, a primeira muller en ocupar a vicepresidencia do país.
Biden honra os soldados caídos
Joe Biden e Kamala Harris, honraron este mércores os soldados estadounidenses mortos en combate durante unha solemne ofrenda floral na tumba do soldado descoñecido no cemiterio nacional de Arlington (Virxinia). Este xesto serve para homenaxear as vítimas de todas as guerras estadounidenses e honrar as familias dos veteranos, algo que Biden tentou poñer no centro da súa campaña presidencial en contraste coa falta de respecto que expresou en ocasións o seu antecesor, Donald Trump.
O son dos canóns anunciou a chegada ao cemiterio. Ao chegaren ante a tumba do soldado descoñecido, Biden e Harris escoitaron o himno estadounidense e permaneceron en silencio durante uns minutos antes de dirixirse xuntos cara á coroa de flores colocada en fronte do sartego. Ambos tocaron durante uns segundos a coroa, que tiña cintas coas cores branca, azul e vermella da bandeira estadounidense. A continuación, os dous escoitaron o toque de silencio dunha trompeta, sintonía tradicional en honras militares e cuxa orixe se remonta á Guerra Civil estadounidense (1861-1865).
Biden e Harris estiveron acompañados polos seus cónxuxes, Jill e Doug, e polos expresidentes Barack Obama (2009-2017), George W. Bush (2001-2009) e Bill Clinton (1993-2001) mais as súas respectivas esposas Michelle Obama, Laura Bush e Hillary Clinton.